As actuacións previstas ubícanse nunha zona declarada de alto risco de incendio pola Consellaría do Medio Rural. Considérase de vital importancia diminuír tanto o número de incendios forestais como a superficie queimada cada ano. Resulta fundamental para acadar este obxectivo partir dun monte ordenado e coidado.
A introducción de gando resulta unha das accións máis efectivas de control da matogueira nos montes. Os animais non só se alimentan das especies vexetais do sotobosque, reducindo a súa altura e abundancia, senón que tamén inciden positivamente no seu control co pisoteo da vexetación.
Dadas as características florísticas actuais e de relevo do monte de Rebordechán, enténdese que o gando a introducir debe ser o cabrún nas zonas máis altas e de monte baixo; introducindo nos soutos e carballeiras, o porco. Ademais, de maneira complementaria, contémplase a introdución dalgúns cabalos, vacas, ovellas, galiñas, pavos, etc.
De xeito xeral, ademais dos beneficios económicos e ambientais da introdución de gando, este servirá tamén de elemento de apoio ás actividades ambientais desenvolvidas no proxecto.
A CMVMC dispón dun pastizal de 5 hectáreas na parte alta do monte, que será destinado a complementar a alimentación das cabras. Ademais, prantéxase a construcción dun establo próximo a esta ubicación, para o seu aloxamento.
O desenvolvemento da actividade gandeira produce esterco, que será valorizado, a través dunha compostaxe, para producir compost de calidade destinado á fertilización do pastizal e da horta contemplada neste proxecto.
Nas zonas baixas da parroquia, nos lugares da Freita, Os Leiros, Coto da Raposa e Os Muíños, as formacións arbóreas predominantes son a carballeira e o souto. Considérase que o gando idóneo a introducir nestas zonas é o porcino, concretamente o porco celta, que podería complementar a súa alimentación coas landras producidas polos carballos e as sobreiras e as castañas dos castiñeiros, ademais de actuar como axente reductor da matogueira.
Na parroquia de Rebordechán, o aproveitamento apícola contaba cunha gran tradición (no ano 1750, o número de colmeas na parroquia era de 301), mais foise abandonando, ao igual que outras actividades relacionadas co agro. Proponse a recuperación desta actividade, co establecemento de novas colmeas para a obtención de mel, cera, pole e propóleos de forma tradicional.