O tipo de persoas aos que se espera chegar son do máis diverso, abarcando dende o visitante diario ata o que permanece varios días no lugar, procurando un maior coñecemento do entorno. É por isto que se propón o establecemento dun campamento, que permita aloxarse tanto en tenda de campaña como en caravanas.
No campamento, proverase de información aos visitantes acerca dos elementos e actividades de interese turístico, ambiental, cultural, arqueolóxico, etnográfico, etc., próximas ao emprazamento do proxecto; como medio de difusión da riqueza propia.
Na tenda, ademais dos produtos necesarios para un disfrute axeitado do campamento, tratarase de pechar o ciclo produtivo do proxecto; polo que se comercializarán produtos non perecedeiros, produtos do monte (castañas, noces, cogomelos, amoras, etc.) e produtos perecedeiros (ovos, mel, patacas, froitas, legumes, etc.).
A través do campamento, tamén se pretende proxectar actividades que nos permitan empregar a aldea como unha aula viva, divulgando e transmitindo a cultura, as tradicións e o modo de vida da aldea e das súas xentes.
Para isto, traballarase en diversos eidos, aproveitando os numerosos recursos cos que a parroquia e o entorno conta.
Educación ambiental. No eido ambiental, trataranse temas relativos á fauna e á flora, para o que se realizarán roteiros interpretativos, charlas específicas, etc.
Tamén se considerará como natural, todo o relativo aos aproveitamentos gandeiros (coidado comunitario do gando, a súa aportación á economía labrega, etc.) e agrícolas (labras, sementeiras, recolleita de legumes e froitas, etc.).
Educación etnográfica. En canto á etnografía, traballarase coas construcións tradicionais agora en desuso para darlles vida no posible ás casas labregas e cortes, muíños, canastros, eiras, etc., cosendo, como se fixo sempre na aldea, os ciclos dos cultivos (labras, sementeiras, mallas, esfolladas, muiñadas, envasas do viño, elaboración do pan, etc.) coas festas e comidas propias ligadas a eles. Para o que se contará cos veciños de Rebordechán como os mellores profesores para estas actividades.
Educación cultural. Ademais de todo o cultural que rezuma e se desprende dos anteriores puntos; tamén se porán en valor: castros, petroglifos, camiños reais, lendas, etc., para o que se levarán a cabo roteiros interpretativos.
En definitiva, participar e gozar da nosa cultura e gastronomía propia como se fixo sempre na aldea.