A paisaxe da aldea ven motivada polos bruscos desniveis que se dan, sumado á presenza do río Miño, na súa parte baixa e as unidades paisaxísticas que se diferencian (bosques, matogueira, núcleos de poboación aínda ben conservados, etc.).
Aínda que é unha parroquia na que, o seu medio natural se atopa parcialmente alterado pola presenza de especies foráneas; localízanse bosques e vexetación autóctona de calidade e variada, o que fai que permanezan os hábitats para especies faunísticas propias.
Rebordechán, ubicada no lindeiro entre as provincias de Ourense e Pontevedra, destaca por unha etnografía (o liño,o viño, etc.) e unha cultura popular (cantigas, contos, lendas, etc.) moi ricas. Isto vese ameazado na actualidade, debido ao despoboamento e ao desligamento do mundo rural.
Dende o punto de vista arquitectónico e etnográfico cómpre destacar bens culturais inéditos como muíños, camiños históricos e tradicionais, fitos e marcos históricos, fontes, valos monumentais, pontes históricas, presas e pozas, cruces, cruceiros e almiñas, casas grandes, etc. Desde o arqueolóxico a parroquia conta con numerosos bens de entidade como castros, chans, telleiras, etc.
A boa calidade do solo fixo que, dende sempre, nas súas terras se cultivaran, dende viño, ata patacas, produtos de horta, árbores froiteiras, millo, etc.
A climatoloxía de Rebordechán, así como dun sector importante do Val do Miño, viuse modificada debido á construción de encoros (neste caso, o da Frieira), o que motivou que as néboas subiran máis e permaneceran máis tempo. Aínda así, a climatoloxía é moi apta para o desenvolvemento de especies vexetais autóctonas e de cultivo de interese.