As aldeas do século XXI teñen pouco que ver cos recordos, coa historia e historias que gardan a memoria dos nosos pais e avós. O Tempo da Aldea Sociedade Cooperativa Galega nace co obxectivo de poñer en valor e explotar os recursos da parroquia para crear postos de traballo e diminuír o risco de incendios, para darlle nova vida á aldea.
Rebordechán (Crecente) é unha parroquia duns 50 veciños, Unha aldea de tantas, desas que hai espalladas por Galicia con demasiados funerais e ningún nacemento. Para evitar o último dos enterros, o da aldea en si mesma, había que dar pasos importantes que requerían do compromiso coa terra dun grupo de veciños ou persoas cun vínculo estreito coa parroquia. A proba dese compromiso está na recuperación de festas tradicionais como o Entroido, o Magosto ou ir cantar os Reis, e na creación doutras novas como a Romaría do Castriño, a Noite da Moura ou a Festa dos Cativos. Está na loita pola mellora de accesos e infraestruturas.
No ano 2007 a Comunidade de Montes promoveu un proxecto de recuperación integral da parroquia baseado no aproveitamento dos recursos propios. Moito traballo despois, o 26 de xuño de 2014, o Concello de Crecente, previo informe favorable da Xunta, aprobou darlle licenza de obra para a construción dun establo para cabras, a instalación dun invernadoiro para horta ecolóxica e a dun campamento con tenda e restaurante incluído.
Os 79 socios estamos hoxe máis convencidos que nunca de poder adaptar os vellos recursos ás novas demandas, de poder demostrar non só que a aldea está viva, senón que lle queda moita vida por diante.
Posta en valor e desenvolvemento integral dos recursos da parroquia de Rebordechán de xeito racional e sostible.
Implantación de novas actividades económicas que axuden a fixar poboación e que incidan na creación de emprego.
Acadando un equilibrio entre o desenvolvemento económico e social e o coidado do medio ambiente.
O Tempo da aldea será un espazo para o coidado e a transmisión da cultura popular, etnográfica e do medio.