+34 635 780 412

Asociacións

Compartir:
  • Asociacións
  • Asociacións

Comunidade de Montes

O principal cometido da Comunidade de Montes é o coidado do monte comunal; ese anaco, de 272 Ha, que pertence a todos os veciños con “casa aberta e con fume”, dende tempo inmemorial.

A través dela, no ano 2005, plantáronse os carballos, castiñeiros, cerdeiras e nogueiras de xunto a Capela de S. Sebastián, a Fontiña, no recheo da pista da Souteleira e en distintos tramos da estrada PO-400 (despois de ser reformada).

No ano 2004, debido a esta reforma, subscribiuse un convenio, coa empresa constructora, no que, a cambio de xabre para recheo de obra, cementouse o campo - torreiro de S.Sebastián, fíxose o muro de contención da capela sobre este, engadíuselle o saído actual e o aseo, xunto á “Antiga Escola de Nenos”. No 2006, fíxose a fonte do campo de S.Sebastián. Posteriormente, levouse a cabo o Estudio dun Plan de Xestión do Monte, onde se contemplaba a súa explotación, dun xeito integral, tendo en conta todas as súas potencialidades. Dese documento xorde posteriormente o "Proxecto de Desenvolvemento Integral de Rebordechán", do que emana esta Cooperativa.

Asociación Cultural Amistade

O traballo desta asociación baséase na recuperación das tradicións da aldea e na organización de actos culturais e festas tradicionais, coa meta de pasalo ben entre os veciños.

Foron os mozos maioritariamente quen, no ano 2002, comezaron coa recuperación do magosto, cantar os reis, o entroido e engadiron unha acampada para eles e a festa dos cativos.

Crearon un anagrama para representar á parroquia e, dun xeito “ácrata”, sen estatutos nin normas escritas, convocaron aos veciños baixo o lema “Vive Rebordechán!!”, a festa estaba armada.

No ano 2006, estas actividades, conxuntamente coa creación do grupo musical “O Castriño” e algún acto máis, lévanse a cabo a través da Asociación Cultural Amistade.

No ano 2007, a Asociación celebra o Centenario da creación da Banda de Música de Rebordechán, xa desaparecida, pero moi arraigada no recordo.

Tiveron que pasar dous anos máis, para que, a Asociación Cultural, da man da Comisión de festas de Rebordechán, puxera en marcha a Noite da Moura, unha festa tipo serán que nace dunha lenda da aldea.

Hoxe en día, as festas creadas a comezos do 2000 están arraigadas totalmente nos veciños de Rebordechán e arredores; así como o Grupo de Gaitas O Castriño, que ano a ano medra en número de compoñentes.

Os libros

Rebordechán, unha aldea de tantas foi publicado no ano 1990 coincidindo coa Homenaxe á Banda de Música de Rebordechán.

Rebordechán. A nosa memoria foi publicado no 2007 coincidindo co Centenario da creación da Banda de Música de Rebordechán.

Descargas