+34 635 780 412

Estado do proxecto

Compartir:
  • Asemblea Comunidade de Montes 2011
  • Limpeza abril 2012
  • Asemblea constituínte cooperativa xullo 2012
  • Limpeza xullo 2014
  • Limpeza xullo 2014

Os pasos legais

O 29 de xaneiro do 2011, en Asemblea Extraordinaria da Comunidade de Montes, á que asisten como convidados o alcalde de Crecente, Julio García Luengo e o Xefe de Medio Rural de Pontevedra, D. Xerardo Zugasti, faise a presentación e é aprobado por unanimidade o “Proxecto de desenvolvemento integral de Rebordechán".

Para desenvolver este proxecto, a Comunidade de Montes fai unha aportación económica importante ademais de contribuír coas hectáreas necesarias, en dereito de superficie, para a “zona base” de instalacións e pasteiros, autorizar o pastoreo na totalidade do monte (como método de prevención de incendios) e ofrecerse a facer as xestións necesarias para crear unha cooperativa que desenvolva a iniciativa.

En maio do 2012, Urbanismo de Pontevedra (Xunta de Galicia), néganos autorización ao proxecto por estar a zona base en terreo forestal e non ser compatible coa instalación de restaurante e tenda. Deste xeito, adaptamos o proxecto, e decantámonos por traer á fase inicial do proxecto, a instalación dun campamento turístico, contemplado para unha fase posterior.

A partir destas datas, xa coa cooperativa O Tempo da Aldea constituída, traballamos nesta readaptación do proxecto que, mantén completamente o espírito do anterior, e que se divide en dous: campamento de turismo e edificación tradicional para unha zona de gorecemento de gando.

Dende 2012 a finais de 2015, foi un continuo bailar de cuños e papeis, instancias, solicitudes, modificación de planos e memorias. Para que o concello nos puidese conceder licenza, primeiro houbo que ter autorización dos departamentos de Urbanismo (Xunta), Turismo, (Xunta), Medio Rural (Xunta), Distrito Forestal da Zona (Xunta), Catastro, Sanidade, Confederación Hidrográfica, Rexistro da Propiedade, etc.

Na segunda metade do 2015, o concello concedeunos licenza de obra e actividade.

O Tempo da aldea hoxe

O traballo nos últimos anos foi, sobre todo, no eido administrativo. Pero tamén investimos tempo e cartos no lugar da cooperativa no que estarán a horta, os animais, o campamento, etc. Que fixemos ata o día de hoxe?

  • Cercamos 40 hectáreas de monte.
  • Acometida da luz eléctrica. 
  • Tiramos os tabiques dunha antiga nave que imos aproveitar para o restaurante e a tenda.
  • Explanación para a instalación do campamento.
  • Explanación para a instalación do establo.

En que punto estamos? O Tempo da Aldea é unha cooperativa de 80 socios que fixeron unha aportación económica que se suma á feita pola Comunidade de Montes e que investimos, en parte, no desenvolvemento do proxecto. Cómpre apuntar que a modificación do mesmo no ano 2012, incrementou os custes notablemente. Hoxe, o noso capital resulta insuficiente para poder concluír a obra, traer animais, etc. Necesitamos que a administración cumpra coa súa responsabilidade de coidar do rural e loitar contra o despoboamento. Tamén estamos abertos a falar con calquera coa mesma sensibilidade ca nós que queira investir no proxecto. Canto custa darlle unha oportunidade ao rural galego? 200.000€.