+34 635 780 412

Blog

Despois de case 10 anos de ideas, debates, asembleas, papeleo, xornadas de traballo, decepcións, papeleo, alegrías, máis asembleas e discusións…, chegou o momento de presentarnos.
 
Somos O Tempo da Aldea, Sociedade Cooperativa Galega, de Rebordechán (Crecente). Un proxecto que se explica en dúas liñas: en Galicia hai preto de 2.000 aldeas abandonadas e outras tantas a piques de desaparecer. Nós queremos aproveitar os recursos da aldea e do monte, xerar postos de traballo, acabar cos lumes e achegar unha idea para o futuro do rural galego.

Por que

Rebordechán é unha aldea, como todas, maior. Ten boa saúde e aínda lle quedan anos por diante pero como non fagamos algo vai morrer e a ela é seguro que ninguén lle vai ir ao enterro. Morrer non é cousa de aldeas.

Nós non temos queixa. Temos unha chea de festas nas que nos xuntamos os veciños e a xente que vive fóra pero mantén algún vínculo ca parroquia. Na festa dos cativos, por exemplo, segue a sorprendernos que cada ano, nunha aldea na que viven uns 50 veciños, a finais de agosto se xunten un cento de nenos para xogar e pasalo ben. Mentres os nenos xogan os pais falan, comparten pasado e presente e quedan para a seguinte festa. Pero nin pequenos nin grandes teñen nada que facer alí.

Porque á aldea imos a algunha festa ou apagar un lume, visitar aos avós ou levalos ao médico. Levamos moitos anos coidando do noso pasado e chegou o momento de dar un paso adiante.

 

Como

No ano 2007 a Comunidade de Montes de Rebordechán promoveu unha iniciativa de recuperación integral da parroquia baseada no aproveitamento dos nosos recursos.

A nosa é unha zona declarada de alto risco de incendio pola Consellería do Medio Rural. A introducción de gando é unha das ferramentas máis efectivas para o control da matogueira. Os animais compartirán espazo coa horta na que cultivaremos verduras, legumes, hortalizas…, e árbores froiteiras.

Queremos loitar contra os lumes e crear postos de traballo pero tamén queremos poñer en valor os recursos da aldea e seguir coidando e transmitindo o noso patrimonio cultural. Ademais da granxa e da horta, contaremos con restaurante, tenda e campamento.

O proxecto en papel está acabado. Buscamos o financiamento que nos permita desenvolver unha idea que dende hoxe queremos que coñezades e compartades. Benvidos!