+34 635 780 412

Blog

Xa vos contamos que en Rebordechán contamos con dous libros nos que gardamos unha parte do noso patrimonio. Rebordechán, unha aldea de tantas é un pequeno libro editado no ano 1.990 no que se recolle a historia da aldea, os costumes, información sobre a banda de música… Hoxe traémosvos un anaquiño da historia de Rebordechán.

Comparade o número de habitantes de 1.990 cos 50 veciños cos que contamos hoxe. A diferenza entre aquel momento e este, está na existencia dun proxecto que quere e pode cambiar o destino de Rebordechán.

 

“O 12 de novembro de 1297, Fernando IV, donou desde Toro ao Bispo de Tui o patronato e rendas que tiña nesta parroquia, tal e como manifesta Gerardo Álvarez Limese no libro “Geografía del Reino de Galicia”. Nos anos 50 chegou a ter 544 habitantes, traballadores todos do agro, anque algún combinase estas faenas con outros oficios, incluído o de músico, cun número suficiente para chegar a formar unha banda. Nun tempo tivo médico, crego, dúas escolas unitarias, chegándose a celebrar xuicios de paz no barrio da Cabadiña.

A riqueza agrícola basábase na madeira e en cultivos típicos da ribeira do Miño. A gandeiría foi grande, chegando a haber 50 xuntas de bois e grandes roldas de cabras e ovellas, independentemente dos dous ou tres porcos que se mataban en cada casa.

Hoxe a realidade é ben distinta. Daqueles 544 habitantes quedan tan só 104, dos que 84 son retirados. No 98% das casas entra algunha pensión e non hai ninguén que viva estrictamente do agro. A meirande parte das veigas están a monte, o gando desapareceu, quedan somentes unhas cantas vacas e algunha que outra cabra ou ovella para entreter aos seus donos.

Os montes antes cheos de árbores só teñen borralla e toxo. Médico, crego, mestres, xuez, marcháronse fai tempo. A banda de música que tanto nome e vida deu a Rebordechán, foise tamén nas alforxas da emigracion. Pódese que dicir de canto existiu o máis vivo e auténtico que queda son os recordos que alumean as pegadas polas cales chegamos aos nosos días, e que de xeito moi resumido imos debullar a continuación…”.