+34 635 780 412

Blog

Este 18 de novembro fai un ano que, a través de Carmela Silva, lles chegaron noticias aos seus socios do BNG na Deputación de Pontevedra, de O Tempo da Aldea Sociedade Cooperativa Galega. Do porqué da nosa existencia e que crearamos unha cooperativa de oitenta socios nunha aldea de 50 veciños, para facerlle fronte a un problema público político como é o do despoboamento do rural cunha fórmula privada.

Diciámoslle que nos xa “tiñamos os papeis feitos”, tiñamos os permisos administrativos, a implicación da xente, os terreos precisos, un proxecto viable que vai crear 18 postos de traballo na primeira fase e que tan só nos faltaba diñeiro; máis ou menos o mesmo do que levamos investido: 200.000€.

Solicitabamos unha xuntanza con eles para exporlle o proxecto polo miúdo e ver ata onde e de que xeito poderiamos colaborar, xa que o noso proxecto baseado no aproveitamento dos recursos da aldea pode ser un bo piloto para outras como a nosa.

A día de hoxe, despois de enviarlle varios correos electrónicos recordatorios non tiveron a ética, o respecto nin a educación de contestar sequera. O silencio é a tumba onde intentan que podreza todo, o silencio dos camposantos é o que sae dende a Deputación de Pontevedra para as aldeas como a nosa. Posiblemente porque pouco ou nada se pode dicir respecto daquilo do que non se cre nin se coñece. Danos a sensación de que as súas excelencias saben moito de cruzar semáforos, pero moi pouco de como pare unha vaca, e sería bo recordarlle que a institución que ocupan, basea o porqué da súa existencia, nos concellos pequenos, na necesidade de cubrirlle as deficiencias ás que non dan chegado cos poucos recursos que teñen.

Sen dúbida, destinar diñeiro a grandes estadios e grandes concellos dará moitos votos pero non é o fin das deputacións. Nestes tempos que corren parece que todo vale, incluso pregoar aos catro ventos “dos nosos recursos, da nosa autosuficiencia, etc.” E cando chega á hora da verdade e de poñelo en práctica, “se algo dixen, non me acordo!”.