Dende sempre, a campá da igrexa marcou o paso na aldea: co rompente do día, o campaneiro tocaba á alba; ás 12 do mediodía, tocaba ao Ánxelus; unha hora máis tarde, á unha; e, ao solpor, era o toque da oración; ademais, nos meses de maio e xuño, a seguir da unha, tocábase aos tronos, para espantar as treboadas de final da primavera.
Ata os anos sesenta do século pasado, en Rebordechán dábanse todos os toques. Hoxe seguen vivos, ininterrompidamente, o toque da unha e o dos tronos grazas ao Agustín, que todos os días do ano repenica co badal, para manter vivo este anaco de cultura.
Escoitade como soan, na súa man, as campás de Rebordechán.