+34 635 780 412

Blog

A barca da Pena

02 Feb, 2017

Perfeuto Ramos fai un percorrido pola nosa historia no libro Rebordechán. A nosa memoria, publicado no ano 2007, coincidindo coa celebración do centenario da Banda de Música de Rebordechán.

Entre outras historias, podedes atopar a da barca da Pena, que comunicaba Rebordechán e Cortegada.

A barca da Pena; Rebordechán. A nosa memoria

A barca que comunicaba Rebordechán con Cortegada, nunca tivo tanta importancia como foi a de Filgueira, a do Portancho en Paradela ou a de Sendelle.

Non aparece no Catastro de Ensenada (1753) polo que, aínda que existira, non se utilizaba para transporte de mercancía e pasaxeiros, cobrando pasaxe.

Olga Gallego no seu libro “As barcas e barcos de pasaxe”, dinos que no Século XVIII pertencía o Mosteiro de Celanova, que percibía por ela 5,5 reais e unha lamprea. E no 1788 na compulsa de documentos para responder a R.O. sobre dereitos de barcaxes e portaxes, consta que: “é un barco pequeno de troncos de arbores escavados e que navega con licencia e consentimento verbal que lle pediran ó Mosteiro os veciños do lugar de Parada, freguesía de Rebordechán, e que estaban pagando os 5,5 reais e unha lamprea, e nese mesmo ano o arrendo quedou en 7 reais e 17 marabedís.”

Será no 1815 cando se empezará un preito na Real Audiencia do Reino de Galicia entre veciños da freguesía de San Bieito do Rabiño -encabezados polo Marqués de Camarasa, Conde de Ricla e Amarante- contra veciños de Parada “por botar unha barca o día 12 de Xuño de 1814 para vadear o río Miño entre Parada e os baños de Cortegada, causándolle moitos prexuízos nas súas posesións, por abrir camiños para o paso polas súas terras e expoñer os seus froitos, bens e persoas o risco de ser quitados e roubados polos moitos ladróns que atravesan o río dunha parte a outra para ocultar os seus roubos.”

Os de Rebordechán alegaban que, “a barca vadeaba dende Parada ata o areal que hai preto dos do Baños de Cortegada. Que a barca vadea onde xa había máis de tres anos, un barco que facía a mesma función, e que solo abriran un camiño no lugar de Parada por mandato da xustiza. Que no lugar de Cortegada hai dous camiño dende tempo inmemorial, un que parte a Cortegada para transito de a pé e con carro, e outro por terreo do común pola beira do río ata os baños, mellorado polo Bispo de Tui, porque esta barca “proporciona os infelices enfermos o aforro de mais dunha legua”.

Desta maneira, todos os enfermos que ían ós baños podían hospedarse nos lugares de Rebordechán “con máis desafogo e comodidade, sen a presión de almacenarse no reducido lugar de Cortegada, sufrindo a máis grande estreitez, carestía e outras privazóns”. Alegaban tamén, que a barca de Filgueira e a do Portancho (Paradela) estaban moi distantes dos baños, e causábanlle grandes prexuízos ós enfermos ó obrigalos a ir ata a barca de Filgueira onde, os denunciantes, eran partícipes e así podían subir os prezos de paso e arrendos da citada barca.

No ano 1817 dítase sentencia sobre este preito:”administrando xustiza, declara poder continuar o establecemento da barca posta no río Miño polos veciños de Rebordechán, o que se entende coa expresa prohibición de que en ningún tempo poidan os referidos desembarcar persoas, cabalerías nin carros nos terreos pechados en que se atopan situados os predios e demais que poida haber, pertencentes ó Marques de Camarasa e os seus consortes, con prevención de que a menos contravención, quedará absolutamente sen efecto a subsistencia de dita Barca. A Coruña a 18 de Xuño de 1817”.

Contra esta sentencia puxeron recurso o Marques de Camarasa e demais consortes, e produciuse nova sentencia:

“Visto o proceso e autos del pola súa Excelencia os Señores Presidente presente e Oidores da Real Audiencia de Galicia na cidade da Coruña a 27 días do mes de Outubro de 1817, dixeron debían suplir é emendar como souberon e emendaron o real auto de 18 de Xuño do presente ano e mandaron déase carta de provisión da Súa Maxestade, en forma xudicial ó Marques de Camarasa, a Don Juan Carpintero e ós seus consortes para que D. Juan Parada e ós seus, veciños de Rebordechán, sen prexuízo do seu dereito así en posesión como en propiedade, consintan non perturbarlles na que se atopan de liberdade dos seus terreos contiguos ó río Miño, no pobo de Cortegada, coa nova Barca que construíron, devolvan o que levaron e danos feitos nas cousas o ser e estado que tiñan antes de botar a expresada Barca. E administrando xustiza declaran que D. Juan Parada e os seus consortes poden navegar naquel punto con só o barco que antes tiñan e outro que sexa de igual feitura, cavidade e en iguales termos que aquel.”

E así foi como seguiu vadeando a barca, ata a súa desaparición definitiva.