No libro Rebordechán, a nosa memoria, adicamos unha parte importante do mesmo á toponimia, para coñecer a nosa historia a través dos lugares que forman a aldea. Comezamos polo topónimo máis importante de todos: Rebordechán. O traballo é de Gonzalo Navaza, profesor da Universidade de Vigo e membro da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia.
Grazas ao libro, sabemos que Rebordechán está en Crecente, pero tamén en Covelo (Pontevedra). En Galicia atopamos outras variantes como Rebordechau (parroquia do concello ourensán de Vilar de Barrio) ou Rebordochao (lugar da parroquia de Xestoso, no concello coruñés de Monfero).
Todos eles son topónimos compostos do sustantivo Reboredo (do latín ROBORETUM) e do adxectivo chan (do latín PLANUM). Reboredo é un colectivo derivado do latín ROBUR, ROBORIS “carballo”, polo que o seu significado é equivalente á “carballeira”. O significado orixinario de Rebordechán sería, pois, o de “carballeira chaira” ou “carballeira plana”. Confírmao a orografía da área onde se atopa o lugar do Pazo e a igrexa parroquial, nunha relativa planicie que contrasta co relevo irregular das inmediacións, como en toda esa área onde os montes se asoman ao Miño en acusado declive.