Os millenials que medramos as aldeas nas que traballaron os nosos avós, vemos herba e mato onde hai recursos dos que poderiamos vivir. Algúns temos a sorte de que, aínda que fixemos o camiño da escola e a universidade, transmitíronnos o valor da aldea á que agora queremos volver; estamos convencidos de que estamos a tempo.
“Viches como está o centeo?”, preguntaba miña nai. Mentres meus pais o recollían, eu facía fotos e preguntas e as ovellas miraban como se alguén lles levara un tesouro que lles pertencía.
Seguro que xa o sabedes, pero non está de máis lembrar que é unha gramínea da familia do trigo. Serve de alimento para os animais ou para elaborar o pan centeo. Nas aldeas, coa súa palla facíanse as cubertas, os colmados das pallozas e outras construcións populares.
Foto do libro Rebordechán, unha aldea de tantas (1990)
No libro Rebordechán, unha aldea de tantas (1990), adicamos un espazo aos “costumes principais da aldea”; costumes que poñen de manifesto a capacidade dos veciños para organizarse a fin de darlle resposta a problemas comúns.
Para a malla do centeo tamén había unha reunión de todas as idades. Nas eiras, os homes agarraban os mallos con dous paus, chamados manles; un dos paus era a mangueira, para agarrar, e outro era o pértigo, para xirar. Os demáis adicábanse a outras faenas. Ao rematar, a palla do centeo separábase para cubrir as casas, cortes do gando, palleiros, para chamuscar os porcos, etc.