+34 635 780 412

Blog

Sumando forzas

24 May, 2017

O sábado 20 de maio tivemos a sorte de participar no IV Encontro de Aldeas Singulares do Festiletras. Para que haxa futuro cómpre gardar (e non perder) os datos sobre despoboamento, desfacerse de medos e complexos e entender que somos moitos os que traballamos coidando e poñendo en valor os nosos recursos. Queredes exemplos?

Eu son Mazaricos

Un dos proxectos que máis nos chamou a atención foi o da Asociación Cultural Eu son Mazaricos. Un grupo de supermulleres (no dicionario só aparece superhome, pero xa incluímos nós a palabra) coa MZ no traxe que buscan "promover os nosos valores e tradicións e dinamizar os eidos culturais do municipio. Dicídelle vós á protagonista do vídeo, que non hai futuro nas aldeas. 

"Móllate con nós"

No encontro participou a Asociación Ambiental Senda Nova. O traballo de voluntariado, os roteiros interpretativos ou a recuperación do patrimonio inmaterial son algunhas das súas áreas de traballo. Teñen unha escola ambiental da que seguro que podemos aprender moitas cousas, e unha lista de proxectos que dá envexa e alegría a partes iguais. Todo un exemplo.

Innovando na horta

De Carballo saltamos a San Sadurniño. Seguro que escoitastes falar do proxecto Fálame de San Sadurniño; "un espazo vivo e integral da memoria que sostén o devalar cotián das xentes, empresas, asociacións ou creador@s das terras de San Sadurniño". 

Carmen e Cruz faláronnos, entre outras cousas, da horta de San Sadurniño. As novas tecnoloxías son unha fonte de información e, sobre todo, a maneira de achegar o rural e as súas costumes e ensinanzas a todo aquel que queira coñecelo.

Cinema na Costa da Morte

En Baio, na Asociación Cultural Adro de Baio, pensaron que sería boa idea crear uns premios de cinema. Un certame para premiar as dotes técnicas, artísticas e creativas dos e das estudantes da Costa da Morte, así como de toda persoa interesada na creación audiovisual. Xa non queda nada para vivir o II Fouciño Festival de cinema.

Estes proxectos son só unha pequena mostra. Tamén estaban representantes da Craescola de Ponteceso, da Asociación A Fonte de Fornelos ou Felipe Allo, agricultor tamén de Fornelos (Zas) do que xa vos falamos no Facebook. Dende As Pías (Olveiroa, Dumbría) trouxéronnos outro exemplo de proxecto que medra no rural, ademais dun biscoito que fixeran ata a unha da mañá do día anterior. 

Nós comprometémonos a xuntarnos de novo cando abramos as nosas portas. Sumar forzas e coñecementos é moi importante para poñer en valor primeiro e crear vida despois. #estamosatempo e non somos os únicos que o pensamos.