+34 635 780 412

Blog

Honrar a memoria

30 Nov, 2017

Un falecemento, sexa onde sexa, crea un oco gris e triste nos achegados; e tamén, nas rúas polas que camiñaba, ou na froitería onde ía todas as mañás polas mellores mazás.

Este último oco, o do entorno, percíbese dun xeito tremendamente máis notable no medio rural. Porque esa calella pola que camiñaba xa tiña poucos viaxeiros antes de partir; porque a súa parella da brisca das tardes non ten relevo. E entón, ese burato dá orixe a unha cicatriz na pel da aldea que tece un mapa de adeuses e teas de araña.

Porque cando no rural se despide a un veciño, moitas veces os fillos e os netos cada vez volven menos a un fogar baleiro e á vez cheo de recordos; e a aldea, ademais de deixar atrás un sorriso, un xeito, un agarimo, case sempre deixa atrás outra porta, outra casa, outra luz e, pouquiño a pouco vaise apagando…

Por iso estamos aquí.

Traballamos contra un problema público e social dende unha iniciativa veciñal.

Sentimos a responsabilidade de ir, unha por unha, acendendo novas luces na aldea; de encher dun ceo estrelado cada noite de inverno.

Queremos que gañen os repiques dos bautizos por riba das badaladas dos enterros.

Que nas casas coas xanelas cheas de teas de araña, entre a risa dos nenos.

Honrar a memoria.

Sentirnos dignos herdeiros dos que nos deixaron.