+34 635 780 412

Blog

O próximo 17 de novembro abrimos as portas da nosa aldea. Queremos que compartades con nós unha ruta da que non vos ides esquecer. Chea de lugares baleiros pero tamén de recursos naturais e patrimonio histórico. Levamos moitos anos pelexando contra o abandono e o despoboamento, pero aínda nos quedan 50 veciños de tempo para seguir coidando, transmitindo e loitando polo futuro. Acompañádesnos?

A ruta comeza no antigo Camiño da Feira e fai paradas nos muíños da Serra e da Laxiña ou na Casa do Soalleiro. Ides percorrer unha aldea, "unha de tantas" da que vos van impresionar as paisaxes, pero tamén as teas de araña que colgan das ventás. Estamos seguros de que compartimos con vós a preocupación por todo o que estamos a perder, e as ganas de traballar para recuperar lugares e vida.

Para inscribirvos só tedes que facer un pequeno ingreso de 7€ na conta ES14 2080 5023 4530 4001 1547. No concepto poñede o voso nome, seguido de "andaina Rebordechán". A inscrición inclúe auga, froita e froitos secos para a andaina e o reconstituínte para o final da mañá. Tamén faremos un pequeno sorteo para que algúns de vós poidades levarvos un anaquiño de Rebordechán: 3 libros de "Rebordechán. A nosa memoria", e mel da aldea. 

Vémonos o día 17 de novembro ás 9:00 na igrexa de Rebordechán. Podedes chegar facilmente dende Ribadavia (se vides de Ourense) ou dende A Cañiza (se vides da zona de Vigo). Para calquera dúbida, escribídenos. 

Durante o percorrido ameazamos con falarvos do traballo feito pola Asociación Cultural e Veciñal Amistade de Rebordechán, ou da proposta de O Tempo da Aldea para o futuro. Queremos falar con vós, traballar xuntos e xuntas polo futuro das aldeas e o rural galego.