Despois da primeira andaina que celebramos o pasado 17 de novembro, o vindeiro 12 de maio celebramos a "II Andaina contra o despoboamento". En novembro xuntámonos 150 persoas en Rebordechán. Desta volta queremos ser os mesmos ou máis, para continuar camiñando e traballando por un futuro no rural.
Para inscribirvos só tedes que facer un ingreso de 8,5€ na conta ES14 2080 5023 4530 4001 1547. No concepto poñede o nome seguido de "andaina Rebordechán". O último día para facelo é o luns 6 de maio.
A inscrición inclúe avituallamento para a ruta e xantar. Ao final da mañá faremos un sorteo no que regalaremos 3 libros de "Rebordechán. A nosa memoria", editado pola Asociación Cultural e Veciñal Amistade, e produtos da aldea!
A data, repetimos, o día 12 de maio. Vémonos ás 9:00 no mesmo lugar da anterior andaina: a igrexa de Rebordechán (Crecente). Tedes a localización nesta ligazón: https://goo.gl/maps/tK7x3ATGLLy.
Aclarar, por último, que poderedes escoller entre 2 rutas distintas: unha longa de en torno aos 20 km, e outra curta de entre 10 e 12 km. En canto poidamos, incluiremos as ligazóns ás rutas en Wikiloc neste mesmo post.
Volveremos percorrer o Camiño da Feira e visitar os muíños da Serra ou da Laxiña. Pero tamén nos reservamos algunhas sorpresas das que non vos ides esquecer.
O título desta andaina non engana a ninguén. Queremos camiñar, poñer en valor, coidar e transmitir. Acompañádesnos?