O domingo 12 de maio celebramos na aldea de Rebordechán, no concello de Crecente, a “II andaina contra o despoboamento”. Organizada pola Asociación Cultural e Veciñal Amistade, en colaboración ca cooperativa O Tempo da Aldea, conseguiu reunir a 150 persoas que desfrutaron da contorna e miraron de fronte ao problema do despoboamento.
En novembro celebramos a primeira edición da andaina. Daquela convidamos á xente a “Descubrir Rebordechán”; unha aldea coma calquera das que esmorecen en Galicia. Igual que nesta ocasión, viñeran 150 persoas coñecer a aldea, desfrutar das paisaxes e das ganas de compartir dos veciños, e concienciarse percorrendo os lugares baleiros.
Vista do Balneario Antigo de Cortegada dende Rebordechán
Desta volta e despois de moito traballo de veciños e membros da asociación e a cooperativa, e tamén ca colaboración do concello, debuxamos dúas rutas (unha curta e outra longa) que gardaban segredos como a vista do balneario antigo de Cortegada dende a nosa aldea. Volvemos camiñar entre lugares nos que xa non vive ninguén pero nos que quedan recursos que conservar. O traballo serviu para descubrir paisaxes agochadas e espertar conciencias que estaban durmidas.
En Rebordechán levamos máis de 30 anos loitando contra un dos problemas máis graves que padecemos en Galicia. Neste tempo, a Asociación Cultural e Veciñal Amistade recuperou festas tradicionais e creou outras novas, editou o libro “Rebordechán. A nosa memoria”, e promoveu a creación do grupo de gaitas “O Castriño de Rebordechán”. O vindeiro día 15 de xuño celebramos, por exemplo, a Noite da Moura: representación teatral baseada nunha das lendas da aldea e serán. O obxectivo da asociación: a posta en valor do noso patrimonio cultural e fortalecer o vínculo entre os veciños e a parroquia.
Pola súa parte, a cooperativa O Tempo da Aldea leva máis dunha década poñendo enriba da mesa unha proposta de futuro para o rural galego. Despois da posta en valor do noso patrimonio, o reto é desenvolver un proxecto que cree postos de traballo e fixe poboación. Un proxecto baseado no aproveitamento dos recursos propios.