+34 635 780 412

Blog

GDR Condado Paradanta e O Tempo da Aldea Sociedade Cooperativa Galega, celebraremos o vindeiro 28 de setembro a xornada “Podemos frear o despoboamento?”, no auditorio de A Cañiza. O obxectivo: debater sobre as causas e analizar recursos e posibilidades para o futuro.

Programa

Durante a mañá, despois da apertura da xornada, terán lugar as conversas. Ademais dos participantes, o público tamén pode e debe interactuar nas mesmas. 

Antes de comer haberá un tempo adicado á aldea de Rebordechán (Concello de Crecente) na que nace o noso proxecto. 

  • O traballo dos últimos 30 anos. Con especial atención ao labor da Asociación Cultural Amistade. 
  • O Tempo da Aldea Sociedade Cooperativa Galega. Unha proposta para o futuro do rural en Galicia. 

Pola tarde celebraremos unha mesa redonda na que falar de factores que provocan o despoboamento, de adaptar os vellos recursos ás novas demandas, e de propostas para frear o despoboamento. 

Quen vai participar?

  1. Carlos Morgade, Comunidade de Montes de Mourente, pte. Inciativa Comunales España, historiador e profesor de secundaria.
  2. Tamara Balboa, presidenta de COCEDER (Confederación de Centros de Desarrollo Rural en España).
  3. Mar Pérez Fra, Doutora do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, Área de Economía, Socioloxía e Política Agraria.
  4. Mario Outeiro. Mestre no IES Pedregal de Irimia (Meira) e antes no CPI de Cervantes (Os Ancares).
  5. Ramón Lourido, xerente Abonos Lourido (Rebordechán, Crecente).

A mesa tamén vai ser participativa e poderedes intervir e opinar. Falaremos, por exemplo, de educación (ou de falta dela), do camiño excesivamente longo e cheo de trámites que debemos percorrer para que un proxecto no rural se convirta en realidade, do valor que aínda gardan os nosos recursos (o noso patrimonio natural, cultural e etnográfico), e de propostas e posibilidades do rural. Que responsabilidade ten a administración? Cal é a nosa responsabilidade como cidadáns?

Outras actividades

En paralelo á xornada presentaremos unha exposición do fotógrafo Marcos Rodríguez –Mellor Fotógrafo Europeo na categoría "reportaxe gráfico" nos últimos tres anos– sobre o despoboamento. 

Por último, terá lugar un obradoiro para nenos de entre 6 e 11 anos e en grupos de 10-12 nenos. O obxectivo: concienciar e sensibilizar sobre a importancia do medio rural. Loxicamente tentaremos adaptarnos da mellor maneira aos nenos e nenas que asistan. A idea é que non deixedes de ir cos máis pequenos e pequenas e ofrecerlles unha alternativa adaptada a eles.

Non queremos que sexa unha xornada máis. Queremos que as conclusións que saquemos entre todos cheguen o máis lonxe posible. Queremos mirar á realidade de fronte e recoller propostas viables e reais.

Agardámosvos!

 

 Información e inscrición:

Inscribídevos na xornada na seguinte ligazón: https://xornadadespoboamento.gr8.com/

Contactade con nós se tedes calquera dúbida: 

• O Tempo da Aldea: info@otempodaaldea.com ou no teléfono 635 780 412.

• GDR Condado Paradanta: gdr@gdrcondadoparadanta.gal ou no teléfono 986 66 33 29.

 

Xornada financiada polo Programa LEADER Galicia 2014-2020.