+34 635 780 412

Blog

O sábado celebrábase na Cañiza unha xornada para debater sobre o despoboamento do rural galego, que organizamos xunto co Grupo de Desenvolvemento Rural do Condado Paradanta. O evento reuniu ao redor de cen persoas que chegaron dende diferentes lugares da xeografía galega –A Cañiza, Crecente, O Corgo, Covelo, Ponteareas, Cee, Becerreá, Xuño, Vigo, Ourense, etc.–.

Pola mañá tiveron lugar as “conversas” nas que se lle deu voz á aldea, ca participación de Elías Gómez, testemuño do despoboamento da aldea de Rebordechán (Crecente), Sonia Mera, farmacéutica e termómetro do abandono do rural na Cañiza e a súa contorna, e Silvia Fernández e o seu pai Manolo que viñeron dende Manzaneda para explicar o funcionamento e efectos positivos das beceiras, sistema para a xestión dos rabaños de distintos propietarios que perdeu importancia nos últimos anos. Aínda así, Manolo Fernández aseguraba: “Hoxe as beceiras darían para vivir tranquilamente”.

Tamén se falou sobre o patrimonio cultural que se perde en cada aldea despoboada con Carlos Coto, presidente da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego. Da Admnistración reclama procedementos máis sinxelos e compromiso, por exemplo, a través do labor da radio televisión pública. No deber da cidadanía está informarse, coidar e denunciar as infraccións do patrimonio.

Tamén houbo tempo para falar da aldea de Rebordechán, do traballo feito nos últimos trinta anos nos que loitou por mellorar as infraestruturas ou se gardou e transmitiu o seu patrimonio grazas, sobre todo, á Asociación Cultural Amistade e á Comunidade de Montes. Por último, presentamos o proxecto de O Tempo da Aldea, unha proposta para o futuro da aldea de Rebordechán baseada no aproveitamento dos recursos propios.

Pola tarde tivo lugar a mesa redonda na que se recolleron as causas que provocan o despoboamento e propostas para frealo. Participaron Mar Pérez Fra (Doutora de Economía aplicada da USC e experta no sector primario), Carlos Morgade (Presidente de Iniciativas Comunales España e mestre de secundaria), Mario Outeiro (mestre de secundaria no rural), Tamara Balboa (presidenta de COCEDER) e Ramón Lourido (xerente de Abonos Lourido, de Rebordechán).

A xornada deixou as seguintes conclusións:

  1. Frear o despoboamento é posible pero debemos actualizar a maneira de administrar os recursos das aldeas.
  2. Cómpre poñer en valor os recursos primarios para poder medrar a partir de aí. Os sectores agrícola ou gandeiro son viables e teñen futuro se os coidamos e valoramos como merecen.
  3. Necesitamos un cambio nas aulas para que as máis pequenas e pequenos, e os estudantes de máis idade, poidan achegarse, coñecer e apostar polo rural.
  4. A educación sobre os valores do rural debe partir tamén dende as familias.
  5. Para poder propoñer e desenvolver proxectos nas aldeas débense reducir e simplificar os trámites administrativos.
  6. Necesitamos que haxa unha implicación decidida para frear o despoboamento por parte de todas as administracións.
  7. Existe a necesidade dunha mirada colectiva cara o rural, sumando forzas dende todos os ámbitos.
  8. Non existe unha receita máxica: a realidade do rural é complexa. As receitas para o rural galego non deben partir “da cidade” e si de escoitar á xente das aldeas.
  9. Cómpre tecer e fortalecer unha rede de colaboración e traballo para que o que aconteceu na xornada do sábado, teña continuidade no tempo.

Dende O Tempo da Aldea apostamos por continuar co traballo iniciado o sábado na Cañiza e convidamos a todos os que asistiron e aos que non puideron facelo, a non deixar de conversar e traballar, sumando esforzos e buscando solucións. O noso correo (info@otempodaaldea.com) e as nosas redes sociais están a disposición de todo aquel que estea disposto a colaborar no futuro do rural galego.