O vindeiro domingo 24 de abril celebramos a “III Andaina contra o despoboamento”. Será, coma sempre, na nosa aldea, en Rebordechán (Concello de Crecente). Nas dúas edicións anteriores xuntámonos ao redor de 150 persoas. Gustaríanos repetir ou mellorar esa cifra para seguir sumando e camiñando na dirección que queremos.
Compartimos con vós a información máis relevante. Se tedes algunha dúbida podedes escribirnos ao correo info@otempodaaldea.com, ou nas nosas redes sociais.
Sexa a vosa primeira andaina en Rebordechán ou se repetides andaina contra o despoboamento, pagará a pena volver contemplar a ruta sobre o Miño ou dende o Coto do Vesperón, percorrer o camiño entre muíños a carón do regato ou sentar no miradoiro fronte ao antigo Balneario de Cortegada.
Estamos seguras de que vos sorprenderá coñecer o patrimonio da nosa aldea: as súas paisaxes e, sobre todo, a súa xente.
Organizar unha andaina serve para loitar contra o despoboamento? Darlle unha dose de vida á aldea, percorrer e concienciarnos, sumar ideas e forzas, camiñar xuntas e pouco a pouco cara ese futuro que imaxinamos. Acompañádesnos?