+34 635 780 412

Blog

O vindeiro domingo 26 de abril celebramos a “III Andaina contra o despoboamento”. Será, coma sempre, na nosa aldea, en Rebordechán (Concello de Crecente). Nas dúas edicións anteriores xuntámonos ao redor de 150 persoas. Gustaríanos repetir ou mellorar esa cifra para seguir sumando e camiñando na dirección que queremos.

III Andaina contra o despoboamento: información básica

Compartimos con vós a información importante de maneira clara. Se tedes algunha dúbida podedes escribirnos a través da páxina de contacto da web, ou nas nosas redes sociais.

  • Para inscribirvos só tedes que facer un ingreso de 9,5€ na conta ES14 2080 5023 4530 4001 1547. No concepto poñede o voso nome seguido de “andaina Rebordechán”.
  • O último día para inscribirse é o 21 de abril. Se chegamos ás 200 persoas pecharemos a inscrición; queremos desenvolver unha actividade que se adapte aos nosos recursos e que resulte agradable para visitantes e veciños. Se decidimos ampliar o prazo, comunicarémolo a través das redes sociais.
  • A cita é ás 9:00 na Igrexa de Rebordechán. En Crecente, non no Concello de Covelo. A localización exacta é esta: https://goo.gl/maps/tK7x3ATGLLy
  • Poderedes escoller entre dúas rutas distintas: unha longa de 20 km aproximadamente, e unha curta de 10 km.
  • A inscrición inclúe avituallamento para a ruta e algo de xantar ao rematar. Tamén se fará un sorteo no que regalaremos tres libros de “Rebordechán. A nosa memoria” editado pola Asociación Cultural e Veciñal Amistade, e produtos da aldea.

Sexa a vosa primeira andaina en Rebordechán ou se repetides andaina contra o despoboamento, pagará a pena volver contemplar a ruta sobre o Miño ou dende o Coto do Vesperón, repetir visita aos muíños da Serra ou da Laxiña ou camiñar a carón do río na fraga da Freita. Preparádevos para o miradoiro fronte ao antigo Balneario de Cortegada porque vos obrigará a parar uns minutos.

Organizar unha andaina serve para loitar contra o despoboamento? Darlle unha dose de vida á aldea, percorrer e concienciarnos, sumar ideas e forzas, camiñar xuntas e pouco a pouco cara ese futuro que imaxinamos. Acompañádesnos?