Non é doado identificar as causas do problema dos lumes en Galicia. É máis sinxelo atopar unha solución: ordenar o monte no inverno e incentivar proxectos que dinamicen o rural, que creen postos de traballo e tiren proveito de recursos esquecidos.
Hoxe queremos convidarvos a un debate necesario para o noso futuro. Mentres chegan as conclusións, loitamos contra a primeira e máis importante das causas: o despoboamento do rural.
A semana pasada compartíamos en redes sociais un artigo de Nacho Carretero na revista Jot Down. Aquí apúntanse como causas principais a superficie forestal, a propiedade privada en forma de minifundios, o abandono do rural e a cultura do lume como ferramenta tradicional galega. Tamén se fala dos intereses económicos relacionados coa venda da madeira. Nós queremos seguir construíndo o debate poñendo o foco na Administración.
Comezamos pola ausencia dunha política de prevención real, no inverno. Onte publicaba Praza Pública un informe do Consello de Contas que conclúe que a Xunta gastou máis no lume que en ordenar o monte. Nos últimos anos, a Xunta gastou 150 millóns de euros ao ano en políticas forestais; 100 millóns en actuacións contra os lumes e menos de 50 para a ordenación das producións forestais. O informe contén máis información interesante. É especialmente reveladora a crítica ao persoal autonómico adicado á prevención. O Consello de Contas fala de escasa planificación das actividades desenvolvidas e de coordinación insuficiente entre os servizos dos que dependen (servizo de montes e de prevención e extinción de incendios).
Moitos estaredes a pensar na lei que nos obriga a limpar ao redor das casas. Que saibades que para as casas illadas, dende o límite da casa ata os 10 metros non pode haber maleza nin árbores. En canto ás aldeas e ás vilas, a lei di que dende o límite da aldea ata os 30 metros non pode haber maleza, piñeiros, eucaliptos ou mimosas. O responsables da limpeza son os propietarios, arrendatarios, usufrutuarios ou titulares dos terros. Que estean limpos depende máis da denuncia dun veciño ou da xestión de cada concello. En calquera caso, a norma parece tan feble como estreita é a marxe entre as casas e os lumes que as ameazan.
Por outra banda, estes días estase a chamar a atención sobre a modificación da Lei de Montes que permite recalificar terreo forestal ardido:
Ley 21/2015, de 20 de julio, por la que se modifica la Ley 43/2003, de 21 de noviembre, de Montes. Artículo 50.1: "Asimismo, con carácter excepcional las comunidades autónomas podrán acordar el cambio de uso forestal cuando concurran razones imperiosas de interés público de primer orden que deberán ser apreciadas mediante ley, siempre que se adopten las medidas compensatorias necesarias que permitan recuperar una superficie forestal equivalente a la quemada. Tales medidas compensatorias deberán identificarse con anterioridad al cambio de uso en la propia ley junto con la procedencia del cambio de uso".
Cales son esas “razóns imperiosas de interese público”? Coñecedes algún caso que achegue luz sobre as vantaxes ou inconvenientes da modificación da lei?
Alguén nos preguntaba no Facebook porque arde Galicia e non outras comunidades. A primeira pista atopámola nos datos sobre o despoboamento do rural. Galicia concentra 9 de cada 10 aldeas abandonadas no 2015 en España. Contamos con máis de 1.600 aldeas abandonadas e preto de 2.000 que están a piques de desaparecer. Hai 855 núcleos de poboación nos que reside un só veciño. O ano pasado, desaparecía unha aldea en Galicia cada 6 días.
O despoboamento está ligado cunha política forestal que non prioriza proxectos que aposten pola multifuncionalidade do monte, o que diminuiría o risco de incendios. Habería montes máis limpos e traballados, e explotaríase a súa riqueza natural.
O Tempo da Aldea busca aproveitar os recursos da aldea e do monte acadando un equilibrio entre o desenvolvemento económico e social e o coidado do medio ambiente. Queremos que o único que prenda en Rebordechán sexan as plantas e os inxertos.