O de hoxe é un post aburrido, feo, cheo de datos. Pero as cifras é o que teñen, que non admiten discusión. Toca repetir aquilo de que en Galicia hai 1.600 aldeas abandonadas e 2.000 a piques de desaparecer. Revisados os datos tocará decidir se queremos recuperar casas e hortas ou seguir sen facer nada ata que se queime a última das aldeas.
Non é difícil atopar os últimos datos publicados polo INE (Instituto Nacional de Estadística) sobre o abandono do rural. A finais do ano pasado contábamos con 1.669 aldeas abandonadas e 1.971 que estaban a piques de desaparecer. Tamén sabemos que hai 855 núcleos nos que só reside un veciño e 1.116 nos que viven dúas persoas.
O despoboamento do rural non nos afecta só aos galegos pero 9 de cada 10 aldeas abandonadas o ano pasado son galegas; en España abandonáronse 62 aldeas, 55 en Galicia (88%). No 2015, abandonouse unha aldea en Galicia cada 6 días. Cando o goberno da Xunta se poña a facer algo polo rural galego dentro de 20 días, haberá 3 aldeas máis que hoxe sen ningún habitante.
O seguinte paso é convidarvos a un exercicio práctico que cada un de vós pode facer como prefira. Visitamos a web do Instituto Galego de Estadísica, facemos clic en “poboación”, despois en “proxeccións de poboación” e despois, por exemplo, en “Proxeccións de poboación a curto prazo. 2014-2024. Variables demográficas proxectadas”.
Nós escollemos ver os datos de nacementos proxectados para Galicia e para a nosa zona de influenza (Pontevedra sur), para os anos 2017-2020. Cómpre aclarar que as proxeccións están feitas baseándose en datos recollidos ata o 12/12/2014.