Xa vos contamos (e que o que nos queda) que as aldeas están cheas de recursos cos que construír o futuro. Pero tan importantes coma o toxo, os animais ou as árbores froiteiras, son as historias e as lendas cheas de aprendizaxes que non nos podemos permitir o luxo de perder.
Hoxe contámosvos a historia dunha xerra que está a piques de cumprir cen anos. Imaxinádesvos canto custou?
No ano 1917, o tío Benito do Surreiro mercou a xerra que vedes na foto por 1 peseta e 1 can. Mercouna coincidindo co nacemento dunha filla que, co andar dos anos, convertiríase nunha gran muller, nai e avoa.
Se a xerra falara..., ai se a xerra falara! Falaría de festas e historias que ocorreron e se contaron ao seu redor, de beizos ansiosos de zugar o seu zume antidepresivo para afogar as penas e seguir vivindo. Falaría do día no que un carpinteiro lle rompeu a asa co mango dunha machada mentres lle facía un eixo novo para o carro do tío Benito, e do afiador ourensán que lle colocou unha prótese feita con lata.
Ao lado da xerra hai unha chanca con tantas ou máis historias que contar. As historias dos nenos (si, en plural) que a calzaron. Nenos e nenas, homes e mulleres que fixeron aldea, consolidaron os nosos costumes e a nosa cultura. Algúns deles seguro que aparecen nalgunha liña dos libros que completan a foto da xerra e a chanca, e dos que temos falarvos outro día.