+34 635 780 412

Blog

Este sábado foi o Día Internacional da Muller Rural, polo que hoxe queremos dirixir o foco cara esas mulleres cunha profunda ligazón e sintonía co campo: cara as de onte, as de hoxe e tamén, as de mañá.

E é que neste último século, neste recunchiño do sur de Galicia, o concepto de muller rural sufriu un profundo cambio, evolucionou á vez que o fixo o aproveitamento do medio rural co paso dos anos.

Mulleres rurais somos nós, as avoas: mulleres comprometidas co mantemento da economía familiar, que levabamos ás costas o peso da casa, da horta, dos animais e que, ademais, colaborabamos no resto das tarefas estacionais.

Mulleres rurais somos nós, as nais que na segunda metade do século, adaptámonos ao comezo dunha industrialización tardía, que fixo que as nosas parellas saíran traballar ás fábricas nos cintos das cidades mentres moitas de nós nos fixemos responsables dunha agricultura e gandaría complementaria e de subsistencia; que levamos anos asistindo, sen poder facer nada, ao abandono do medio rural.

Mulleres rurais tamén somos nós: que nos criamos cos pés no verde e agora camiñamos a diario sobre o gris do asfalto; que desenvolvemos un profundo sentimento pola terra dos nosos antergos e que agora traballamos por devolver os sorrisos dos nenos ás carballeiras e as veigas.

Mulleres rurais somos nós, as nenas: as pouquiñas que aínda temos a sorte de que nos estamos a criar entre galiñas, algunha vaca, coellos,... Que aínda non somos conscientes, pero que dalgún xeito xa sabemos que somos unhas afortunadas por ver nacer o sol por Monte de Conde, ou por aínda escoitar tocar a terceira á misa dos domingos.

Todas nós somos a mesma, formamos parte dunha comunidade que, xunto cos homes rurais, leva dende sempre, protexendo o legado ambiental, cultural, os nosos valores e a nosa historia e que hoxe traballa para que o rural siga vivo. Sabemos que #estamosatempo.