Sempre que falamos do noso proxecto, lembramos a importancia dos pasos previos a presentar unha inciativa para a recuperación integral da parroquia. Nunha aldea sen vida, unha idea así non xorde da noite para a mañá. En Rebordechán os pasos previos foron, entre outros, loitar pola mellora das infraestruturas, recuperar festas tradicionais, e crear outras novas. Unha desas festas, que camiñou case en paralelo a O Tempo da Aldea, foi a Noite da Moura; "unha festa propia de Rebordechán, que nos permitira mesturar cultura, música tradicional e gastronomía". Xa levamos 9 edicións e xa estamos a pensar en como celebrar o 10º aniversario.
A hora de inicio oficial é as 22:00 pero os veciños comezan ás 8:00 a traballar para que todo estea listo para a noite. Cómpre limpar e decorar para poder viaxar ata o tempo no que feiticeiro e damas chamaban á Moura para que esta regalase fartura para o ano enteiro.
Unha vez máis, o traballo de veciños, familiares e amigos, permitiunos compartir un día de festa e darlle un día máis de vida á aldea. Malia o cansazo e a calor, cómpre ensaiar para que todo saia segundo o previsto.
Xa pasaba algo das 22:00 cando O Castriño de Rebordechán subiu ao escenario. —Xa sabedes que O Castriño naceu como homenaxe á Banda de Música de Rebordechán, unha banda que xa non está activa, pero que conta cun século de historia—. Pero non só do Castriño vive a Noite da Moura; antes e despois do acto central, polo noso escenario pasaron moitos grupos de pandereteiras, gaiteiras... Podemos asegurar que á música tradicional galega quédalle tanta vida como ás nosas aldeas ;)
Como cada ano, chova ou faga sol, cara a media noite o feiticeiro chama ás damas dos castros para, coa axuda dos veciños, invocar á Moura.
Despois de quedar a ben con deuses e devanceiros, é momento de continuar coa festa. No noso perfil de Instagram, podedes ver un vídeo que ilustra o fin de festa. Rematou a Noite da Moura, pero nuns días volvemos vernos no Xantar do Castriño. Que non pare a música!