+34 635 780 412

Blog

O peche das escolas é un dos síntomas máis claros do despoboamento do rural. A de Rebordechán hai moitos anos que pechou aínda que nós gardamos moitas das leccións que alí se explicaron. Recollemos a súa historia no libro Rebordechán. A nosa memoria.

No Catastro da Ensenada de 1753, figura que “Hai un mestre de nenos cuxo oficio prodúcelle o ano cento vinte reais”.

Foi no ano 1836 cando se desenvolve o Plan Xeral de Instrución Pública no que se establece a creación de escolas públicas e toda a ordenación do sistema de ensino. En Crecente, as primeiras escolas que se crean son as de Filgueira, Sendelle, Crecente e Albeos.

Despois da visita do inspector D. Ángel Rubio no ano 1860, solicita a creación dunha escola en Rebordechán de “537 almas”. A escola non se crea ata o ano 1872, sendo D. Donato Vázquez o seu primeiro mestre.

Dende a súa apertura, a escola cambiou de ubicación varias veces, contando con entre 40 e 50 alumnos; a metade estaban exentos de pago por pobres. As materias: Doutrina Cristiá, Historia Sagrada, Lectura, Escritura, Aritmética, Agricultura e Urbanidade.

Mención aparte merece a consideración que merecía o noso idioma. Era obriga do mestre “corregir las entonaciones, vicios y tonillos peculiares del dialecto del país que se advierte en los niños”.

Se queredes coñecer a historia completa, atoparédela no libro Rebordechán. A nosa memoria. Xa o abrimos cando vos falamos da historia da Barca da Pena. Lembrades?