O Tempo da Aldea somos 80 persoas cooperativistas e a Comunidade de Montes. Somos xente anónima que decidiu conscientemente traballar por un proxecto de desenvolvemento rural na nosa aldea.
Somos labregos, publicistas, fontaneiros, albaneis, profesores, psicólogos, carpinteiros, camareiros, traballadores do metal, etc. Moitos nacemos en Rebordechán; a maioría percorremos os seus sendeiros, arriba e abaixo, nos veráns e as fins de semana; e aínda algúns máis, somos amigos, coñecidos, xente á que nos contaron o que querían facer e ilusionámonos a aportar para tratar de acadalo.
Todos estamos convencidos de que outro futuro para o rural é posible, que con traballo e dedicación botaremos a andar un proxecto que pula polo desenvolvemento integral de Rebordechán, que pretende ser unha luciña na que se poidan mirar outras comunidades como a nosa.
A historia da nosa aldea é a de Unha aldea de tantas, título do libro veciñal que se publicou no 1990; unha aldea á que se lle foi apagando a vida cos vaivéns da emigración e que neste momento, pasados os anos, vive só un lixeiro incremento no número de veciños grazas á volta dos emigrados, tanto de proximidade como do estranxeiro, agora xa xubilados.
Hoxe estamos censados pouco máis de 100 persoas, moitas residentes na cidade, a maioría con traballos que pouco ou nada teñen que ver co aproveitamento dos recursos do monte e da aldea. Pola contra, no 1753, segundo o Marqués da Ensenada, vivían en e dos recursos da aldea 682 habitantes, despois de pagar máis do 50% do que se recollía en impostos.
Foi por isto que hai case dez anos, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común comezou a promover un proxecto de reordenación do monte, que permitise adaptar os recursos de sempre ás novas demandas, para diminuír o risco de incendios, para manter aberta a porta da aldea; para que Rebordechán rexurdise. Dese xermolo nace unha cooperativa veciñal, xorde O Tempo da Aldea.
Queremos voltar á casa. Queremos traballar polo futuro da aldea, da nosa e da de todos, polo desenvolvemento rural dun xeito sostible económica e medioambientalmente. Sabemos que #estamosatempo.