Señora, ese macho cabrío é de usted?
Ese macho cabrío é da puta que o ha de parir a vostede!
Con este estoupido de carraxe contida dirixido ao gardamontes “Tioloro” (Teodoro), Esperanza, muller de rosario e misa diaria, ceibaba todo canto levaba tragado dende a entrada en vigor a finais dos anos corenta da lei que prohibía pastar nos montes (práctica habitual dende tempos inmemoriais) para plantar piñeiros e eucaliptos.
Cabras, ovellas, vacas e cabalos xa non podían pastar nos montes galegos. As multas eran tan fortes que, en moitos casos, o valor do animal non chegaba para pagalas. E o control foi tan férreo que se fixeron casetas para os vixías, para os montes privados e comunais. Sentían tal devoción polo seu traballo que algún mesmo multou á súa propia nai co argumento de que “la ley no hace distinciones”.
Sementáronse piñeiros e ecualiptos, e os lumes que arrastramos ata o día de hoxe. Desapareceron as roldas ou beceiras de gando e outras maneiras de relación colectiva. A xente da aldea desconectou pouco a pouco do monte e esqueceu os usos e riquezas que, xeración tras xeración, lles axudaban a vivir.
Dende entón acelerouse a emigración e a Administración, decidiu, entre outras cousas, desordenar o territorio e mesturar o monte coas casas e as veigas. A lei de reforestación de terras agrarias permite plantar a 30 metros das casas.
Unha das vantaxes coas que contamos é que os recursos da aldea seguen estando e sempre estarán aí. Non é difícil (non debería) recuperar aquela fórmula que non deixaba espazo aos lumes. Temos que adaptar os vellos recursos ás novas demandas.
Carne, madeira, cogomelos, compost de estrume... No monte e na aldea contamos con todos os elementos que poden xerar riqueza económica e social. A clave está en saber tirar proveito da multifuncionalidade do monte.